Samsung presenta o GALAXY Mega, con pantalla de ata 6,3 polgadas

xoves, 11 de abril do 2013 Marcus Fernández

Os Samsung GALAXY Mega chegan con pantallas de 5,8 e 6,3 polgadas

Os tabletófonos están aquí para quedar, e confirmando a súa aposta polos smartphones de grande tamaño, Samsung presenta hoxe os novos terminais Samsung GALAXY Mega, que chegan en modelos con pantalla de 5,8 e 6,3 polgadas respectivamente, que no caso do GALAXY Mega 6.3 destaca por ter un grosor de só 8 milímetros.
Dende Samsung aseguran que o móbil con pantalla de alta definición de 6,3 polgadas aínda é o suficientemente portátil como para levalo no peto e usalo cunha soa man, conseguindo colocarse nunha gama de dispositivos que queda a medio camiño entre os smartphones e os tablets, tanto en hardware como en software.
Os GALAXY Mega buscan non só poder visualizar páxinas web, fotografías e vídeos nun tamaño bastante grande, senón que tamén queren que a súa pantalla poida empregarse para varios usos á vez. Tamén incorporan prestacións como Group Play (para que ata 8 dispositivos poidan compartir contidos na mesma rede Wi-Fi), Samsung WatchON (que transforma o móbil nun mando a distancia para o televisor), Samsung Link (para transmitir fotografías, vídeos, música e notas a un ordenador, tablet ou televisor), S Translator (para facer traducións instantáneas de texto e voz incluso en aplicacións de e-mail e mensaxería instantánea) e ChatON (para compartir a pantalla cos amigos).
O Samsung GALAXY Mega 6.3 funciona cun procesador de dobre núcleo a 1,7 GHz, 1,5 Gb de RAM, 8/16 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 64 Gb, Wi-Fi (a/b/g/n/ac), Wi-Fi Direct, Bluetooth 4.0, NFC, MHL, cámaras de 8 e 1,9 Mpíxeles, batería de 3.200 mAh, un grosor de 8 milímetros e un peso de 199 gramos; mentres que o Samsung GALAXY Mega 5.8 non só ten unha pantalla máis pequena, senón que chega cun procesador de dobre núcleo a 1,4 GHz, sen opción de almacenamento interno de 16 Gb nin a última versión de Wi-Fi (IEEE 802.11ac), batería de 2.600 mAh, un grosor de 9 milímetros e un peso de 182 gramos.
Ambos móbiles funciona con Android 4.2 e chegarán ao mercado europeo a primeiros do mes de maio.

PUBLICIDADE