Samsung presenta os seus novos smartwatches deportivos

luns, 5 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Esta semana vai presentarse oficialmente o Samsung Galaxy Note10 e, ao igual que decidiron anticiparse a semana pasada presentando a tableta Galaxy Tab S6, hoxe fan o mesmo co Galaxy Watch Active2, un novo smartwatch de Samsung orientado ao benestar que vai un paso adiante integrando conectividade 4G.
O Galaxy Watch Active2 permite monitorizar o ritmo de vida e marcarse así obxectivos para controlar o estrés, manter a forma física e procurar bos hábitos de sono. Este novo reloxo de pulso chega en dous tamaños diferentes (44 e 40 milímetros de diámetro), en dous estilos (en aluminio con correa de fluoroelastómero ou en aceiro con correo de coiro), e cun detalle moi curioso: o seu marco xiratorio para navegar entre as súas opcións pasa de ser físico a ser táctil, de xeito que a pantalla curvada Super AMOLED do smartwatch fai de marco xiratorio virtual.
O novo reloxo integra moitas funcións propias de reloxos deportivos, podendo rexistrar máis de 39 adestramentos (correr, ir en bicicleta, nadar, remar...) e tamén conta con sensores que facilitan rápidas lecturas, o que resulta de grande utilidade durante as rutinas de exercicios. Aparte da medición de frecuencia cardíaca, esta nova versión do Galaxy Watch Active tamén conta con función de electrocardiograma.
Coa conectividade 4G o Samsung Galaxy Watch Active2 tamén pode empregarse para realizar e recibir chamadas de teléfono, conectarse ás redes sociais cun simple toque co dedo ou incluso ver un pequeno vídeo dende o pulso. Tamén quere resultar práctico nas viaxes, e é compatible coa tradución de voz e texto en tempo real en máis de 16 idiomas.
Outra funcionalidade moi práctica deste smartwatch é o contar con Spotify, de xeito que os usuarios poden gozar de música e podcasts dun xeito cómodo e continuo. Resulta igualmente práctica a integración de Samsung Pay ao estarmos ante un dispositivo con NFC, que permite así realizar pagamentos móbiles dun xeito moi natural (sen ter que sacar o smartphone do peto).
Os novos Galaxy Watch Active2 funcionan cun procesador Exynos 9110 de dobre núcleo, 768 MB de RAM e 4 GB de almacenamento (o modelo 4G incrementaría a RAM até 1,5 GB), Bluetooth 5.0, Wi-Fi N, GPS, monitor de frecuencia cardíaca, electrocardiograma, acelerómetro, xiroscopio, barómetro, sensor de luz ambiental, NFC, carga sen fíos, resistencia ao po e á auga, e compatibilidade con dispositivos tanto con Android coma con iOS.

Vídeo de presentación do Samsung Galaxy Watch Active2

PUBLICIDADE