Samsung presenta un novo smartphone con tapa

venres, 23 de xuño do 2017 Marcus Fernández

O LG Wine Smart demostrou unha vez máis que continúa a haber demanda de teléfonos con tapa, e Samsung tamén quixo entrar neste segmento, para o que prepara un novo terminal telefónico, o Samsung Galaxy Folder 2, que busca que os usuarios que gustan dos teléfonos con formato de cuncha poidan tamén gozar das funcionalidades dos smartphones, como poder levar WhatsApp no móbil.
Este teléfono cunha aparencia que poderiamos considerar retro presenta unha pantalla de 3,8 polgadas e venderase en dúas cores (negra e borgoña) no mercado surcoreano (do que non sabemos se sairá nos vindeiros meses). Conta con procesador de catro núcleos a 1,4 GHz, 2 GB de RAM, soporte para tarxetas microSD de até 256 GB, batería de 1.950 mAh e Android 6.0. Terá versión 4G e 3G, e o seu prezo será de 297.000 wons (234 euros), o que pode parecer un prezo moi elevado para un smartphone tan básico, que claramente quere aproveitar a pouca oferta de smartphones co mesmo formato.

PUBLICIDADE