Samsung presenta unha tarxeta microSD de 256 GB de capacidade

mércores, 11 de maio do 2016 Marcus Fernández

Cando se presentan moitos teléfonos móbiles podemos ler nas súas especificacións que pode ampliarse a súa capacidade interna mediante tarxetas microSD que nalgúns casos chegan a tamaños absurdos que responde simplemente ao soporte dun estándar (non á existencia de tarxetas de tal capacidade) xa que a carreira por conseguir introducir maiores capacidades de almacenamento non cesa, e agora chega Samsung e presenta a súa nova tarxeta microSD EVO Plus cunha capacidade de 256 GB, sendo a primeira tarxetas desta categoría en chegar a tal capacidade de almacenamento, pensando principalmente na ampliación do almacenamento de smartphones e tabletas, cámaras de vídeo en 360 graos, cámaras de acción e drons, que coas novas calidades de vídeo teñen unha grande demanda de almacenamento.
Nestas novas tarxetas de memoria sería posible gravar até 12 horas de vídeo en ultra alta definición (ou 33 horas de vídeo Full HD), facilitando así o uso de dispositivos móbiles durante a gravación de reportaxes sen ter que andar cambiando constantemente a tarxeta de memoria (en moitos casos de difícil acceso).
A EVO Plus 256GB fai uso da tecnoloxía V-NAND que permítelle grandes velocidades, sendo capaz de chegar a ler a 95 MB por segundo e gravar a 90 MB por segundo, o que é máis que suficiente para almacenar fotografías de elevada resolución e de vídeo 4K, así como para tarefas de uso intensivo de multimedia como a realidade virtual ou os videoxogos.
Estas novas tarxetas de memoria sairán á venda no mes de xuño a un prezo estimado de 249,99 dólares.

PUBLICIDADE