Samsung presenta unidades SSD profesionais con 15,36 TB de capacidade

xoves, 3 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Mentres en sistemas informáticos domésticos estamos afeitos a ver unidades SSD con capacidades de entre 128 e 512 GB, en contornos corporativos xa hai tempo que se empregan unidades de máis de 1 TB, en virtude da súa velocidade para mellorar a eficiencia dos servidores, e dentro desta gama de produtos Samsung está a conseguir manterse en cabeza grazas ao lanzamento de unidades como a novo PM1633a, que é a primeira unidade SSD de 2,5 polgadas con 15,36 TB de capacidade.
Este tipo de unidades non só teñen unhas velocidades impresionantes (traballan con interfaces SAS de 12 Gbps), senón que tamén teñen un consumo reducido e ocupan pouco espazo, de xeito que en moitos armarios de discos de 3,5 polgadas poderían colocarse o dobre de unidades con este formato reducido (o propio de ordenadores portátiles).
Para construír estas unidades SSD Samsung combinou 512 chips de memoria V-NAND de 256 Gb, colocados en pías de 16 capas para formar paquetes de 512 GB. As unidades SSD PM1633a presumen de conseguir velocidades de lectura e escritura de até 200.000 e 32.000 IOPS respectivamente, con velocidades de lectura e escritura secuencial de até 1.200 MB por segundo. Estímase que en accesos aleatorios de lectura o rendemento en IOPS podería multiplicar por 1.000 o dos discos duros SAS tradicionais.
Aínda que estas unidades destacan por conseguir chegar a capacidades de 15,36 GB, tamén estarán dispoñibles en capacidades de 7,68 TB, 3,84 TB, 1,92 TB, 960 GB e 480 GB ao longo do presente ano.

PUBLICIDADE