Samsung quere dicir adeus aos proxectores de cine

mércores, 29 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Cada vez son máis os espazos non que se retiran os proxectores de vídeo para empregar directamente televisores de grande formato, xa que ofrecen unha experiencia de uso moi superior á vez que os tamaños son cada vez máis próximos, e dende Samsung queren levar moito máis aló esta tendencia, e buscan dicir adeus aos proxectores cinematográficos e substituílos por paneis LED como os que estes días están a presentar na convención CinemaCon 2017 de Las Vegas.
As novas Samsung Cinema Screen serían as primeiras pantallas de cine LED con HDR, que ofrecerían unha calidade de imaxe sen precedente para as salas de cine, tanto ao que se refire á fidelidade das cores como á resolución, xa que estes paneis de 34 pés (10,36 metros) teñen unha resolución de 4.096 x 2.160 píxeles, conseguindo así un nivel de detalle moi superior ao que estamos afeitos nos cines.
Estas pantallas achegarían imaxes HDR dun xeito moi fiel, multiplicando case por 10 o nivel de brillo que conseguen os proxectores de cine tradicionais, á vez que tamén evita as distorsións ópticas e as interferencias, ou sexa, que estamos ante unha mellora tecnolóxica clara, que sumada á tecnoloxía de son achegada por Harman completa unha das mellores experiencias de reprodución cinematográfica ás que podemos aspirar.
Amais, esta tecnoloxía carece das esixencias de baixa iluminación da proxección de vídeo tradicional, de xeito que abriría o uso das salas de cine para a celebración de eventos corporativos e outros espectáculos, dando a impresión de que o seu éxito parece inevitable, quedando pendente principalmente da redución de prezo que vaian tendo estas pantallas segundo se vaia normalizando a súa produción.

PUBLICIDADE