Samsung venderá en España o seu monitor 3D de 22 polgadas

mércores, 1 de abril do 2009 Marcus Fernández

En febreiro demos conta de que grazas a tecnoloxía de nVIDIA era posible ver en 3D xogos coma Left 4 Dead (e un amplo catálogo de xogos), aínda que para gozar desta experiencia era recomendable o uso de pantallas polarizadas de Zalman, pero agora Samsung tamén achega ao mercado español o seu monitor SyncMaster 2233RZ que tamén abre a porta a esta posibilidade a un prezo bastante aceptable (359 euros) para unhas prestacións tan innovadoras.
O Samsung SyncMaster 2233RZ é un monitor de 22 polgadas, cunha resolución de 1.680 x 1.050 píxeles, 200 cd/m2 de brillo, un contraste dinámico de 20.000:1 e un refresco de 120 Hz (o que permitiría achegar unha imaxe a 60 Hz a cada ollo), aínda que para poder tirar proveito dos modos 3D é preciso non só contar cunha tarxeta de vídeo de nVIDIA compatible con GeForce 3D Vision, senón tamén cuns lentes especiais (tamén comercializados por nVIDIA).
Aínda que esta tecnoloxía non parece estar ao alcance de calquera, con estas solucións está a reducirse considerablemente o investimento preciso para poder gozar dunha experiencia de xogos tridimensional, aínda que o feito de precisar dunha combinación de moitos elementos físicos é todo un atranco.

PUBLICIDADE