SanDisk presenta a tarxeta microSD máis rápida do mercado

mércores, 29 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Western Digital baixo a súa marca SanDisk presentou a tarxeta microSD de 256 GB máis rápida do mercado, a tarxeta SanDisk Extreme microSDXC UHS-I, que no tamaño dunha unlla pode agora almacenar até 256 GB de información que está dispoñible para a súa lectura a 100 MB/segundo e que ten unha velocidade de escritura realmente impresionante (90 MB/segundo), de xeito que resulta ideal para traballar con contidos en ultra alta definición e outros ficheiros que precisen de alta capacidade e elevadas velocidades de acceso. Deste xeito os usuarios poden almacenar fotografías a elevadas resolucións e gravar vídeo 4K ou Full HD sen preocuparse por quedar sen almacenamento (o que pode resultar especialmente práctico, por exemplo, en cámaras integradas en drons, onde mudar a tarxeta de memoria pode resultar pouco práctico), á vez que contan con unidades de almacenamento de alto rendemento.
Estas novas tarxetas son resistentes á auga, a temperaturas extremas, a golpes e a raios X, de xeito que tamén soportan condicións duras de funcionamento, para tranquilidade do usuario que pode confiar en que non se perda a información almacenada por mor das inclemencias do tempo.
As tarxetas SanDisk Extreme microSDXC UHS-I comezarán a venderse a nivel mundial no último trimestre do ano a un prezo de referencia de 199,99 dólares, pero xa para agosto lanzarán a 149,99 dólares unha tarxeta semellante, a SanDisk Ultra microSDHX UHS-I Premium Edition, pensada para smartphones e tabletas con Android, e que ten velocidades de transferencia de até 95 MB/segundo (en lectura), contando tamén con altos niveis de resistencia, polo que teriamos unha tarxeta ideal para os que se conformen coa gravación do vídeo Full HD (podería almacenar até 24 horas de filmacións en tal formato), xa que non sería capaz de rexistrar vídeo 4K sen cortes.

PUBLICIDADE