SanDisk propón unha unidade SSD para acelerar o noso ordenador de sobremesa

luns, 17 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Os usuarios que desexen melloran o rendemento do seu ordenador de sobremesa actual poden optar por unha nova solución de SanDisk que contribúe a acelerar o seu funcionamento de xeito substancial. Falamos da unidade SSD SanDisk ReadyCache de 32 Gb que, en vez de empregarse como substitución dun disco duro interno, opta por funcionar de xeito paralelo mediante unha aplicación do fabricante dispoñible para Windows 7 que permite acelerar o inicio do equipo ata 4 veces e cargar as aplicacións ata 12 veces máis rápido.
Esta unidade doada de instalar en equipos con disco duro SATA ten unha velocidade de lectura de ata 480 Mbytes/seg. e de escritura de ata 115 Mbytes/seg., mentres que un disco duro de 500 Gb e 7.200 rpm medio tería nestes apartados velocidades de 101 e 99 Mbytes/seg. respectivamente, de xeito que resulta evidente a mellora que supón utilizar unha unidade SSD como memoria intermedia para acelerar as cargas.
Este produto véndese co correspondente software, o cable SATA, o adaptador para unha bandexa de 3,5 polgadas e os parafusos para fixar a unidade SSD neste último. En EE.UU. pode conseguirse por 49,99 dólares (espérase que o prezo en España sexa duns 50 euros) polo que sería unha solución bastante económica para achegar as vantaxes das unidades de memoria sólida ao PC.

A unidade é doada de instalar no noso ordenador de sobremesa


Vídeo de presentación do SanDisk ReadyCache

PUBLICIDADE