Samsung presenta un accesorio para converter os seus mellores smartphones en lentes de realidade virtual

xoves, 24 de setembro do 2015 Marcus Fernández

As lentes de realidade virtual prometen converterse nun fenómeno durante 2016, e dado que os sistemas baseados en PC precisas de equipos informáticos moi potentes, afastando esta tecnoloxía do grande público, unha das solucións que esperan conseguir introducir aos usuarios a esta tecnoloxía de imaxe inmersiva sería a baseada en pantallas de teléfonos móbiles, o que suporía un importante aforro (aínda que achegando unha experiencia de uso moitísimo máis limitada, por non ser capaces os móbiles nin de xerar o nivel de detalle preciso nin a velocidade de fotogramas que consiga enganar ao cerebro para que a realidade virtual chegue a enganarnos).
Un dos primeiros dispositivos que procurará introducir a tecnoloxía que está a desenvolver Oculus serían Gear VR, lentes de realidade virtual que empregan como pantalla smartphones de alta gama de Samsung, ou sexa, que o primeiro produto deste tipo dirixido ao mercado de consumo funcionaría só con smartphones Galaxy Note 5 e Galaxy S6/S6 edge/S6 edge+.
Samsung xa comercializara unha versión deste tecnoloxía hai meses, pero as versións anteriores de Gear VR buscaban chegar a desenvolvedores que comezasen así a traballar coa realidade virtual baseada en Oculus, pero a nova solución conseguiu ser un 22% máis lixeira e tamén optimizou o seu funcionamento xeral e reduciu considerablemente o seu prezo (pasa de 199 a 99 dólares), facéndoa atractiva para os usuarios que buscan gozar de xogos envolventes, vídeo en 360 graos, películas e outras experiencias que están a preparar para Gear VR.
O Samsung Gear VR é un produto de 201,9 x 116,4 x 92,6 milímetros e 310 gramos de peso, que inclúe acelerómetro, xiroscopio e sensor de proximidade (para saber se as lentes están postas) e ofrecen un campo de visión de 96 graos, que podería resultar atractivo incluso para consumir vídeo de servizos como Netflix ou Vimeo, non para crear mundo virtuais, senón para presentar o vídeo como se estivésemos diante dunha pantalla de grande formato.
Espérase que este accesorio chegue ás tendas no mes de novembro.

Polo momento as Gear VR están orientadas aos smartphones con mellores pantallas e máis potencia de Samsung

PUBLICIDADE