Santiago de Compostela entra no futuro das comunicacións móbiles

venres, 13 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Manuel Alonso, director de Telefónica en Galicia, destacou a implicación da súa compañía coa nosa comunidade durante a presentación do novo punto de acceso 4G instalado no CNTG

O futuro da telefonía móbil, o que dáse a coñecer como tecnoloxía 4G, está cada vez máis preto, e o operador de telecomunicacións Telefónica está a desenvolver experiencias piloto en España, e tras botar a andar tal iniciativa en Madrid e Barcelona, chega hoxe a Santiago de Compostela, onde xa están en funcionamento un punto de acceso con tecnoloxía LTE (Long Term Evolution), o que facilitará comunicacións sen fíos cunha velocidade de descarga de 100 Mbps e 42 Mbps de subida.
O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia é o lugar elixido para a realización desta fase de probas, o que resulta moi axeitado para as empresas tecnolóxicas galegas que queiran ensaiar alí novos servizos, produtos e dispositivos desenvolvidos para esta tecnoloxía de alta velocidade.
O primeiro punto de acceso 4G galego queda así limitado a usos empresariais, pois na actualidade aínda non hai terminais móbiles con LTE no mercado español, por entenderse que as actuais tecnoloxías 3G aínda teñen moito potencial, mentres que o 4G quedaría como unha proposta de futuro che achegará numerosas vantaxes entre as que cómpre destacar a reducida latencia do LTE, que facilita o uso de servizos interactivos en tempo real, que van dende solucións de comunicacións ata xogo en rede.

Mar Pereira lembrou o compromiso da Xunta para facilitar que todos os galegos poidan ter acceso á banda larga

Para dar a coñecer a posta en funcionamento desta experiencia piloto en Galicia, acudiron hoxe ao Centro de Novas Tecnoloxías o director de Telefónica na nosa comunidade, Manuel Alonso, xunto coa directora de AMTEGA, Mar Pereira, e o director de vendas de Alcatel-Lucent para Telefónica, Alberto Freire.
Alonso quixo destacar que a posta en marcha do LTE en Santiago de Compostela é “unha mostra máis da implicación de Telefónica con Galicia” subliñando que se trata dun “servizo ao sector TIC galego”, mentres que a responsable da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereiira, quixo destacar que un dos obxectivos prioritarios do Goberno galego no ámbito das TIC é facilitar ao acceso á Internet a todos os galegos, para o que están a desenvolver un Plan de Banda Larga que a data de hoxe conseguiu levar o acceso á Rede a alta velocidade ao 90% da nosa poboación (fronte ao 70% de 2009). É de agardar que tecnoloxías como o LTE tamén poidan beneficiar á nosa comunidade no peche da fenda dixital no tocante á banda larga no rural, pois permitirá comunicacións sen fíos cunhas características comparables ás das redes de cable.

Demostración da tecnoloxía LTE

O propio acto de presentación podía seguirse en streaming HD grazas a unha conexión LTE

Para ilustrar as vantaxes do LTE, o responsables de Proxectos de Transformación e Innovación do Corporate Innovation Center de Telefónica, Guillermo Bataller, desenvolveu unha serie de demostracións sobre as posibilidades da nova xeración de tecnoloxía de comunicacións móbiles, como a comparación das velocidades de conexión acadadas por 2 tablets de Samsung (un dotado de 3G e outro de LTE), a constatación das elevadas velocidades de conexión que poden conseguirse dende un PC conectado a un modem LTE (claramente superior á do tablet antes amosado, grazas á potencia adicional do equipo), a reducida latencia presentada pola tecnoloxía LTE (extraordinariamente inferior á das actuais comunicacións 3G con respostas en menos de 50 milisegundos) e o avance que supón para a multimedia en mobilidade, xa que o LTE facilita a reprodución de varios fluxos de vídeo en alta definición sen maiores problemas e incluso a retransmisión de vídeo en alta definición en directo a través da Rede (o que puido verse grazas a un móbil que estaba a retransmitir en vivo o que acontecía na sala do CNTG). Para deixar claro que non estabamos só ante unha tecnoloxía con forza bruta no que a descargas se refire, amosouse o funcionamento dun videoxogo na nube (empregando a plataforma Stream3D de Ciinow, semellante ao que hoxe podemos ver en OnLive e Gaikai), para o que é preciso gozar cunha conexión de calidade e rápida resposta.
Os responsables de Telefónica quixeron deixar claro que esta nova tecnoloxía é xa unha realidade, que aínda non está en fase comercial porque aínda non existe demanda para a mesma (pois actualmente o 3G permite velocidades de descarga de ata 42 Mbps), pero as posibilidades do LTE son moitas, de aí que resulte crucial avanzar neste ámbito para cando chegue ao público xeral.
As experiencias reais con esta tecnoloxía confirman que, xa nos primeiros pasos da LTE (tecnoloxía que é de agardar que tamén vaia mellorando como aconteceu no seu día co 3G) podemos ter unha experiencia de uso equivalente a multiplicar a velocidade das comunicacións móbiles por 10, o que claramente supón unha mellora, que resulta especialmente prometedora de cara ao rural, que poderían reducir a distancia co ámbito urbano na experiencia de uso da Rede e de numerosos servizos que poderían xurdir aproveitando estas novas posibilidades (telemediciña, telepresenza, maior integración na nube...).

Aínda que os tablets de Samsung amosados no evento eran externamente idénticos, as súas experiencias de uso da Internet móbil estaban totalmente afastadas
Poder descargar ata a 100 Mbps en mobilidade é unha das vantaxes do LTE
Durante a demostración desenvolvida no CNTG comprobouse que a latencia das conexións LTE non superaba os 50 milisegundos, permitindo unha experiencia de uso comparable á das redes fixas
Ter unha velocidade de resposta que permita xogar dende a nube é un bo exemplo do potencial do LTE

PUBLICIDADE