Santiago lánzase á busca de solucións innovadoras para converterse en Cidade Intelixente

xoves, 21 de novembro do 2019 Redacción


O Concello de Santiago iniciou hoxe, oficialmente e cun acto ateigado de personalidades e representantes empresariais, a súa procura de solucións innovadoras para converterse definitivamente na Cidade Intelixente que quere ser: unha urbe onde a tecnoloxía axude na xestión, nas comunicacións, no tráfico, no respecto ao medio ambiente e na sustentabilidade, ao tempo que garante a identidade histórica da capital galega. O acto (a presentación do lanzamento da consulta preliminar ao mercado do proxecto Smartiago) celebrouse no Hostal dos Reis Católicos. Na sesión, o alcalde Xosé Sánchez Bugallo, lembrou que o Concello xa captou 6.180.000 millóns de euros para situarse na “vangarda da compra pública innovadora”.
Tamén recordou que a consulta preliminar presentada hoxe ten o obxectivo de “recompilar a información necesaria en canto a solucións innovadoras para preparar os futuros pregos de licitación nos tres ámbitos que comprende o proxecto: mobilidade, xestión de residuos e limpeza viaria e alumeado ornamental”.
Na cita, o rexedor tamén expresou a “necesidade” da tecnoloxía e da innovación para “preservar o noso patrimonio histórico”. Esta, dixo, é unha das principais razóns de ser do proxecto Smartiago, que busca sacar o máximo proveito das oportunidades que ofrecen as novas ferramentas.
Acompañaron ao alcalde o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e malia secretaria de Estado de Universidades, Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Ángeles Heras.
Logo da intervención do concelleiro de Presidencia e Relacións Institucionais, Gumersindo Guinarte, houbo unha explicación dos aspectos técnicos do proxecto Smartiago a cargo de Jesús Rodríguez Castro, xefe do Servizo de Informática do Concello. A continuación, Manuel Varela, director de Sector Público en Science & Innovation Link Office (SILO) falou sobre como participar nas consultas e aspectos administrativos.
Canta máis información e propostas, mellor
O obxectivo da consulta é xuntar a información necesaria para preparar as futuras contratacións públicas de innovación do proxecto Smartiago e informar aos operadores económicos sobre os seus plans e requisitos de contratación. A convocatoria é aberta e dirixida a persoas físicas ou xurídicas, públicas o privadas. Poderán presentar as súas propostas ata o 16 de decembro.
As propostas deberán ofrecer solucións innovadoras destinadas a dar resposta aos retos do Smartiago nos eidos da mobilidade, da xestión dos refugallos sólidos urbanos e limpeza viaria e do alumeado ornamental. A partir do resultado destas consultas, sinalouse hoxe, “o Concello contará co coñecemento suficiente sobre as posibilidades tecnolóxicas existentes no mercado cara futuros trámites de Compra Pública de Innovación ou outros procedementos

PUBLICIDADE