Second Life acolleu ó programa Hoy por hoy da Cadena SER

xoves, 21 de decembro do 2006 Marcus Fernández

Fer Partch (Fernando Berlín), Carles Francis (Carles Francino) e Woodyboy Young (Carlos Barrabés) fronte a algúns asistentes

A Cadena SER quixo facer historia esta semana realizando a primeira emisión dunha cadea de radio en español no mundo virtual de Second Life, polo que os millóns de internautas que empregan tal sistema puideron achegar o programa matinal Hoy por hoy, presentado e dirixido por Carles Francino, que contou co seu propio alter ego virtual durante a retransmisión (Carles Francis).

Carles Francino e Fernando Berlín nas súas versións virtuais.

Esta iniciativa contou coa colaboración de radiocable.com, e permitiu ós habitantes de Second Life a asistencia en directo ó estudio de radio virtual no que tamén estiveron presentes os avatares correspondentes a Fernando Berlín (de radiocable.com) e Carlos Barrabés (de Barrabes.com).
Pero o estudio do programa non era o único lugar onde se podía seguir, senón que se distribuíron transistores de radio por todo o territorio do mundo virtual para permitir a súa escoita alí, e incluso se pode descargar en formato MP3.
Esta primeira experiencia da Cadena SER en Second Life podería ser a porta de entrada a unha mellor explotación dos mundos virtuais en España, xa que estes espazos están dominados absolutamente pola presenza da fala inglesa, e tanto uso do español coma do galego se fan desexar nestas canles de comunicación que prometen dar moito xogo no futuro.

PUBLICIDADE