Sense, un escáner 3D de 329 euros

luns, 11 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Nuns meses nos que a impresión 3D está a despegar internacionalmente, converténdose nunha tecnoloxía cada vez máis asumible, cómpre avanzar tamén na creación de modelos que poder imprimir con esta tecnoloxía, e para poder trasladar a realidade ao ordenador 3D Systems presenta unha solución asumible: un escáner 3D de man que está á venda por 329 euros.
O escáner 3D Sense é un trebello de pequenas dimensións, que pode suxeitarse cunha única man, e que permite dixitalizar obxectos de pequeno e grande tamaño, persoas e escenas de ata 3 x 3 metros, permitindo integrar as dixitalizacións con creacións en Cubify Sculpt (para mesturar a realidade e creación) e achegando un resultado que pode trasladarse despois a unha impresora en 3D. Amais, esta solución pode funcionar en equipos bastante transportables (como un tablet Surface Pro 2).
Aínda que a impresión 3D dista moito do ámbito doméstico, este tipo de tecnoloxías permiten estreitar as distancias que separan os sistemas profesionais do grande público, tanto polo rango de prezos como pola dificultade de uso, de xeito que cada vez será máis doado poder producir obxectos tridimensionais, o que agradecerán os usuarios máis inquedos e creativos.


Vídeo de presentación do escáner 3D Sense

PUBLICIDADE