Sharp vai pór á venda un televisor 8K de 85 polgadas

mércores, 16 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Aínda que os televisores de ultra alta definición aínda non callaron no mercado e padecen unha grande carencia de contidos que amosar, os fabricantes non cesan de incrementar a resolución dos seus paneis, e Sharp xa prepara a comercialización do seu televisor LV-85001, que cunha resolución de 7.680 x 4.320 píxeles sería o primeiro televisor 8K do mercado, aínda que dado que a súa diagonal é de 85 polgadas non estamos ante ningún logro excepcional no que a densidade de píxeles se refire (xa que tería uns modestos 104 puntos por polgada).
Este enorme televisor podería amosar na súa pantalla o equivalente a 16 pantallas Full HD e, de feito, para poder amosar unha imaxe de 8K nesta pantalla sería preciso empregar 4 portos HDMI á vez, xa que o HDMI non ten largo de banda suficiente para mover tal caudal de información. En visto de tal configuración queda claro que non estamos ante un dispositivo pensado no uso doméstico, senón que serviría para solucións de imaxe profesionais, para presentacións ou lugares públicos, o que tamén explicaría o seu prezo de 16 millóns de iens (118.337 euros).
Pódese constatar así que o 8K non é unha tecnoloxía da que vaiamos gozar a medio prazo nos nosos fogares e, de feito, incluso continúan a existir moitos atrancos para o 4K, que xa ten a resolución propia do cine, polo que achegar contidos nunha resolución superior sería demasiado complicado.
O novo televisor de Sharp conta cun panel IGZO cun brillo de 1.000 cd/m2, unha relación de contraste de 100.000:1 e un ángulo de visión de 176 graos, prestacións que facilitan o seu aproveitamento como pantalla de alto contraste e con grande potencial como monitor de aplicacións de deseño asistindo por ordenador.
Este voluminoso televisor tamén ten un peso máis que considerable (uns 100 quilos) e un consumo enerxético de 1.440 watts, e espérase que chegue ao mercado a finais do mes que vén.

PUBLICIDADE