Shenmue III supera os 6 millóns de dólares en Kickstarter

venres, 17 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Durante a conferencia de Sony no E3 sorprenderon anunciando unha campaña de micromecenado en Kickstarter para contribuír a que o xogo Shenmue III vese a luz tras levar a súa saga 14 anos abandonada, o que entusiasmou a moitos nostálxicos, que non só superaron os 2 millóns de meta para o proxecto que tiñan fixado en poucas horas, senón que a campaña conseguiu ascender até colocarse na sétima posición en cartos recadados en Kickstarter e na primeira posición no que se refire a un videoxogo, xa que con máis de 6 millóns de dólares superou a marca anterior (5,5 millóns recadados por Bloodstained).
A campaña de micromecenado permite que os entusiastas do proxecto poidan mercar de xeito anticipado copias das súas versións para PC e PlayStation 4 en formato descargable ou físico, aínda que esta iniciativa responde máis a unha acción de marketing que de financiamento, xa que o xogo conta co apoio de Sony, entre outros, xa que a cantidade achegada a través de Kickstarter estaría moi lonxe para poder facer posible un xogo deste tipo, especialmente se temos en conta que Shenmue II custou no seu día uns 47 millóns de dólares.
O responsable do xogo, Yu Suzuki, conseguiu retomar este proxecto (planeado como triloxía dende os seus inicios) grazas a que adquiriu os dereitos correspondentes de SEGA, compañía que mantén a propiedade das súas anteriores entregas (das que non sería de sorprender que xurdise algunha remasterización aproveitando a situación) e espérase que Shenmue III vexa a luz, como moi cedo, en decembro de 2017.


Último vídeo publicado polos responsables do desenvolvemento de Shenmue III

PUBLICIDADE