SimCity estréase con moitos problemas nos EE.UU.

mércores, 6 de marzo do 2013 Marcus Fernández

O xogo SimCity chegou este martes aos EE.UU., e como acontece en moitas ocasións con lanzamentos tan agardados, as primeiras horas están a resultar todo un pesadelo, con problemas para descargar o título e grandes colas para poder xogar, deixando en evidencia aos servidores da plataforma Origin, que non foron quen de soportar tal carga, polo que dende Electronic Arts non fan máis que desculparse polas incidencias e asegurar que están a pór todos os medios posibles para que cando este xoves chegue o xogo a Europa estea todo arranxado, e non se estrague a estrea deste xogo que recupera unha franquía moi prezada.
Os problemas co xogo proveñen en boa medida do feito de que SimCity precise de conexión á Rede para xogar, pois estamos ante un xogo que conta con moitas funcionalidades sociais, permitindo competir cos amigos e incluso colaborar, levando a experiencia orixinal de SimCity aos tempos actuais, pero tendo que afrontar os colapsos típicos dun xogo tan masivo (como aconteceu o ano pasado con Diablo III, xogo que durante os primeiros días parecía coleccionar incidencias). Unha vez máis demóstrase que as infraestruturas de rede para o xogo en liña teñen moito que mellorar, para poder garantir unha boa experiencia para o usuario, e non frustrar ao público máis valioso (os usuarios fieis que reservan o xogo antes do seu lanzamento ou adquíreno os primeiros días), que en boa medida será o que prescriba o xogo a outros usuarios, polo que un mal comezo pode ter graves consecuencias.

PUBLICIDADE