Skydio ofrece os seus drons a empresas e ao sector público

martes, 4 de maio do 2021 Marcus Fernández

As medidas proteccionistas dos EE.UU. fronte aos xigante chinés está a provocar que o negocio dos drons rexurda dentro das súas fronteiras, xa que limitan a presenza do fabricante chinés DJI, do que están a beneficiarse compañías como Skydio, actual líder en drons de consumo con capacidades autónomas, que vén de abrir os seus drons Skydio X2 con sensores térmicos a empresas e ao sector público, á vez que tamén lanza Skydio Cloud, unha serie de servizos na nube para tirar proveito do potencial dos drons a escala.
O dron Skydio X2 é un dron encartable para o seu transporte que integra tecnoloxía para evitar obstáculos en 360 graos, capaz de voar 35 minutos cunha única batería e desprazarse até a distancias de 6 quilómetros (facendo uso de bandas comerciais) ou 10 quilómetros (facendo uso de bandas restrinxidas a entidades gobernamentais). Na súa versión profesional inclúe un novo mando a distancia, adaptado ás esixencias de entidades públicas e de defensa dos EE.UU.
O Skydio X2 está dispoñible en dúas versións: X2D para defensa e axencias federais e X2E para empresas e axencias civís. En ambos casos poderá adquirise nunha configuración cunha cámara de cor e térmica (ideal para tarefas de rescate) ou cunha cámara ordinaria (pensando en operacións de inspeccións de infraestruturas ou de pequenos mapeados).
Este impresionante dron chega ao mercado estadounidense a un prezo que parte dos 10.999 dólares.

Vídeo de presentación do dron Skydio X2

PUBLICIDADE