Sleeping Dogs encabeza os Xogos con Gold de decembro

martes, 22 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Coa proximidade do Nadal é habitual que os xogos incluídos nos servizos Xbox LIVE Gold e PlayStation Plus melloren considerablemente para dar unha boa imaxe e animen aos usuarios que veñen de mercar consola os subscriban, e os xogos que recibirán os usuarios Gold das consolas de Microsoft en decembro non decepcionan.
Para comezar, dende o 1 de decembro os usuarios Gold con Xbox One poderán facerse sen custo adicional co xogo Sleeping Dogs: Definitive Edition, un xogo de acción de Square Enix que saíu inicialmente para a anterior xeración de consolas pero que aquí chega remasterizado e con todos os contidos que saíron tras o seu lanzamento. Xa a partires do 16 de decembro teremos o terrorífico Outlast, no que podemos encarnar a un xornalista que irrompe nun misterioso complexo para investigar os traballos clandestinos que se realizan no seu interior, atopando unha verdade aterradora.
Os xogos de Xbox 360 (que tamén funcionan en Xbox One grazas á retrocompatibilidade) tampouco son frouxos, comezando por Outland na primeira metade do mes, e pasando logo a un xogo moito máis coñecido: o título de condución Burnout Paradise.
Aínda que estamos ante unha selección de xogos que algúns considerarán demasiado adultos ou violentos, resulta innegable que estamos ante un dos mellores meses de Games with Gold en moito tempo.

Vídeo promocional dos Xogos con Gold de decembro

PUBLICIDADE