SlingStudio é a nova solución de baixo custo para realizar retransmisións multi-cámara en liña

luns, 24 de abril do 2017 Marcus Fernández

O pulo que están a tomar servizos como Facebook Live e YouTube están a facer progresar a pasos axigantados as solucións que facilitan a realización de retransmisións de vídeo en directo con grandes posibilidades a prezos moi axustados, entre as que temos agora SlingStudio, un sistema que parte dun prezo de 999 dólares e que podería definirse como a primeira solución de produción audiovisual multi-cámara portátil, sen fíos e asumible, que permite que os usuarios graven, monitoricen e editen 4 sinais de vídeo en alta definición de até 10 fontes de vídeo diferentes (entre as que tanto pode haber cámaras conectadas como smartphones). Entre as vantaxes desta solución está o feito de que o sistema non só pode emitir streaming en directo a través de Facebook ou YouTube, senón que tamén pode gravar todo o material de vídeo (tanto as gravacións en bruto como o resultado final) para a súa ulterior post-produción.
Actualmente hai solucións no mercado que teñen un prezo duns 5.000 dólares, polo que esta nova posibilidade resulta moi atractiva para moitas produtoras audiovisuais e profesionais. O sistema de SlingStudio baséase nun concentrador (dispositivo físico cun tamaño e unha forma que pode lembrarnos a algún router doméstico) en combinación cunha aplicación de control para iPad, aos que poden engadirse accesorios opcionais como batería, expansión USB-C (que incluso engadiría conectividade Ethernet) e CameraLink (un sistema sen fíos que transmite sen fíos o vídeo que lle chega dunha cámara ao SlingStudio a Full HD e 60 imaxes por segundo).
O funcionamento de SlingStudio colle conceptos avanzados e abórdaos dun xeito moi económico, sendo capaz de capturar vídeo de até 10 fontes de vídeo (que poden ser cámaras réflex, videocámaras, smartphones, ordenadores persoais...) coas que pode establecerse unha comunicación sen fíos a unha distancia do concentrador SlingStudio de até 90 metros. Ao poder empregarse cámaras profesionais conectadas a un adaptador sen fíos CameraLink ou directamente un smartphone coa aplicación de captura correspondente, temos unha solución moi versátil na que é sumamente doado montar contornos multi-cámara para poder realizar complexas retransmisións de actos de distinto tipo.
A través da solución para iPad de SlingStudio podemos realizar o sinal de vídeo captado en tempo real, de xeito que podemos mudar de plano cando queiramos, aplicar transicións para os cambios de cámara e incluso engadir sobreimpresións nas retransmisións ou crear efectos Picture-in-Picture, ou sexa, conseguir resultados propios dun estudio de gravación de vídeo profesional, pero nun contorno móbil e cun prezo ridículo en comparación co resto de solucións comerciais.
Sobre a post-produción do material gravado, SlingStudio incluso conta cun engadido para Adobe Premiere Pro, resultando así especialmente áxil a carga das gravacións nun proxecto sobre o que editar a gravación inicial (contando con todas as fontes de vídeo dispoñibles).
Este produto chegará aos EE.UU. en maio a un prezo de 999 euros para o concentrador SlingStudio, poden adquirirlle unha batería por 149 dólares, un expansor USB-C por 49 euros (accesorio que achega conectividade Gigabit Ethernet e permite conectar unidades USB 3.0 para as gravacións de vídeo) e o CameraLink para cámaras con saída HDMI venderíase por 349 dólares, de xeito que unha solución concreta deste sistema tería un prezo que dependería moito da súa configuración.

Diagrama no que podemos ver como sería un escenario real de SlingStudio

Vídeo promocional de SlingStudio

PUBLICIDADE