Smart Green Labs (Itelsis) implanta con éxito o sistema de telexestion de redes electricas Sismored

xoves, 28 de setembro do 2017 Redacción

O noso sector da enerxía smart ferve de espírito innovador, e Smart Green Labs, empresa do grupo compostelán Itelsis, é bo exemplo disto. Dende Smart Green Labs desenvólvense solucións tipo Scada para o sector eléctrico en xeral (smart grids), para o sector industrial (solucións M2M) e para o sector terciario (control e xestión telemática de equipos e infraestruturas globais). A iniciativa ten a súa orixe na constatación dun feito: a evolución do sector enerxético cara un ecosistema máis distribuído, descentralizado e competitivo, onde os consumidores xogan un papel cada día máis activo. Segundo nos contan dende Itelsis, isto ten como consecuencia unha demanda clara: aumentar a eficiencia do sector enerxético en termos de custes e calidade de servizo. Para acadalo, engade a empresa galega, “é precisa a modernización das redes eléctricas introducindo novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) con vistas ao seu control e xestión, seguindo a liña marcada polas smartgrids”.
Un exemplo desta introdución eficaz das TIC no ámbito das redes eléctricas é o sistema de seguimento de rede Sismored, achegado por Smart Green Labs. A través del, os clientes do sector da distribución eléctrica poden dispor e ofrecer un servizo máis automatizado, eficiente e fiábel. Segundo puidemos saber, a progresiva implantación deste sistema nas empresas está a facer que as súas redes de distribución (grids) deixen de ser pasivas e se convertan en redes intelixentes (smart grids). A súa función principal é proporcionar intelixencia ás redes eléctricas, posibilitando a monitoraxe e o intercambio de información entre os centros de transformación e o centro de control das empresas eléctricas. “É unha plataforma orientada a dispor en tempo real de información sobre a calidade da subministración, e á posibilidade de actuación en remoto sobre a rede”, explican dende Smart Green Labs, engadindo que esta posibilidade de dispor de información de calidade en tempo real permite cousas como reducir custes de explotación, facer diagnósticos previos e diminuír intervención correctivas e preventivas, efectuar control a distancia de sobrecargas en diferentes puntos, controlar a enerxía consumida coa que localizar perdas ou fraudes na instalación, supervisar en tempo real os centros de transformación ou informar de continuo da calidade do servizo.
Ademais, Sismored ofrece un amplo rango de medidas, permitindo así obter unha visión clara e comprensiva da instalación eléctrica mediante gráficos (en tempo real ou históricos), listaxes de eventos acontecidos nun rango de tempo configurábel, informes, etc, que permiten ao operador levar a cabo un mantemento preventivo das súas instalacións, habilitando á súa vez un exhaustivo control na calidade de subministración eléctrica. Toda esta supervisión poderá ser realizada desde as propias instalacións da compañía, centro de traballo, oficina, ou ben desde calquera punto con conexión a Internet accedendo directamente ao sistema de telexestión.
Características xerais
Sismored é unha plataforma de telemedida e telecontrol de centros de transformación e distribución de enerxía. Permite a visualización en tempo real de infraestruturas remotas e facilita o seu seguimento desde calquera dispositivo (tableta, teléfono intelixente, portátil). Ademais, garante funcións básicas de protección asegurando unha rápida resolución do problema, grazas ao telecontrol e automatización no seccionamento e no peche. Dispón ademais de envío de avisos (vía SMS ou correo electrónico) ante calquera alarma na Rede.
Por outra banda e amplificando o devandito, dispón de medida de parámetros de calidade da rede (supervisión de harmónicos de tensión e corrente, factor de potencia) e ferramentas para a elaboración de informes (grazas ao almacenamento de todos os parámetros medidos). A maiores, é unha ferramenta adaptábel a todo tipo de contornas diferentes e con capacidade de evolucionar e desenvolverse, achegando a máxima compatibilidade con equipos dunha chea de fabricantes.
Casos de éxito
Entre as empresas nas que foi implantando con éxito este servizo atópase UDESA, compañía de distribución de enerxía eléctrica con máis de 8.500 clientes distribuídos en 350 CT de transformación, na que se instalou unha plataforma Sismored con equipamento de telemando e telemedida nos CT da rede. Para o sistema de visualización habilitouse un vídeo-wall no centro de control, cunha resolución de 3.240 x 1.920 pixeles e no que se representa a información de toda a rede de distribución.
Outra das firmas que gozan xa desta tecnoloxía é Electra de Santa Comba, unha empresa de distribución de enerxía eléctrica con máis de 4.600 clientes e que dispón dunha subestación propia e máis de 100 CT. Arestora dispón do sistema Sismored con equipamento de telemando e telemedida nos centros de distribución máis importantes da eléctrica, nos cales se integraron entre outros recursos, cabinas de seccionamento, analizadores e relés. Ademais, neste proxecto integrouse unha subestación de MT completa. A maiores e aproveitando as sinerxías do Grupo Itelsis, deseñouse e instalouse unha rede de fibra óptica con máis de 10 quilómetros de lonxitude para comunicar os diferentes CT e a subestación co centro de control.
Aos devanditos casos de éxito engádense (entre outros) os de Eléctrica Los Molinos (empresa distribución de enerxía eléctrica con máis de 3.500 clientes, unha subestación propia e máis de 100 CT e varios puntos fronteira) e Electra del Gayoso (firma de distribución de enerxía eléctrica con máis de 50 CT de transformación e dous puntos de fronteira).

PUBLICIDADE