Só un de cada cinco profesionais do ámbito TIC é muller

luns, 8 de novembro do 2021 S. P.

O Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI) fixo públicos os detalles do informe Emprego tecnolóxico. Navegando os indicadores sobre o emprego tecnolóxico en España e na Unión Europea, onde toma o pulso ao mercado laboral TIC nos ámbitos estatal e europeo. Entre outras informacións de interese, algunhas delas moi preocupantes, confírmase que malia o camiño dixital avanzado estes últimos anos, segue a a haber unha fenda dixital de xénero no emprego do sector. De feito de cada cinco profesionais deste eido, só un é unha muller.
Por baixo da media europea
O informe comeza poñéndonos no contexto de 2020, cando España contaba con 727.000 especialistas TIC, o equivalente ao 3,8% do emprego en todo o país, por baixo do 4,8% da media europea. O 80% dos contratos de especialistas asinados entre xaneiro e agosto de 2021 corresponderon a só sete categorías profesionais: programadores informáticos (23,5 %); técnicos en operacións de sistemas informáticos (17,3 %); analistas, programadores e deseñadores web e multimedia (12,5 %); instaladores e reparadores en TIC (10,4 %): analistas de sistemas (6,4 %); técnicos en asistencia ao usuario de tecnoloxías da información (5,7 %); e deseñadores gráficos e multimedia (4,2 %).
Importante fenda de xénero
Como diciamos, o informe constata que o sector segue a “ser claramente masculino”. Así, en 2020 había 144.000 expertas en TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), o que supón un 19,8 % do total. Esta proporción, sinálase, é lixeiramente superior á media europea, que é do 18,5 %.
Unha das razóns ás que apunta o informe para explicar este desequilibrio é a falta de mulleres graduadas en STEM, as siglas en inglés que engloban os estudos sobre Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñarías e Matemáticas. Así, en 2018, a proporción de mulleres graduadas nestas áreas era de 14,3 por cada mil mulleres de entre 20 e 29 anos en Europa. En España, a cifra baixaba do 12,7.
Dificultades para contratar
A investigación constata tamén que o sector tecnolóxico, malia ter sido tradicionalmente fonte de creación de emprego, amosa a día de hoxe dificultades para atopar os perfís axeitados ás súas necesidades. Segundo a Comisión Europea, en 2020 houbo 341.000 postos de traballo vacantes para profesionais de datos en Europa, máis 168.000 na rama de ciberseguridade.
En 2020, unha de cada catro empresas españolas e case a metade das europeas que tentaron contratar profesionais especializados recoñeceron que non o tiveron fácil. Os principais obstáculos foron: falta de experiencia laboral, falta de cualificación TIC axeitada dos solicitantes, falta de solicitudes e expectativas salariais demasiado elevadas.

PUBLICIDADE