Sonic Jump estréase en dispositivos móbiles de Apple

xoves, 18 de outubro do 2012 Marcus Fernández

A pasada noite incorporouse á App Store o xogo Sonic Jump, que vén a ser un dos típicos xogos de plataformas con desprazamento vertical no que controlamos ao personaxe protagonista (que neste caso é o popular ourizo cacho azul de SEGA) inclinando para os lados o noso dispositivo móbil, evitando inimigos, recollendo power-ups e superando distintos retos, aínda que neste caso, ao estar ambientada a aventura como unha historia de Sonic, incluso teremos xefes finais que derrotar ata poder enfrontarnos ao malvado Dr. Robotnik.
Este título permitiranos xogar como Sonic, Tails ou Knuckles, percorrer mundos como a clásica Zona Green Hill ou as Zonas Mountain ou Jungle, superar 36 niveis diferentes, coleccionar logros e desbloquear numerosos elementos. Podemos gozar tanto do seu Modo Historia (no que percorrer os seus niveis sucesivamente ata enfrontarnos ao Dr. Robotnik) como do se Modo Arcade (no que saltaremos ata o infinito, co reto de manterse xogando o máximo tempo posible).
Sonic Jump é unha aplicación universal que está á venda por 1,59 euros e que recibirá actualizacións de balde con máis personaxes e novos mundos. O xogo aínda non conta con versión para Android, aínda que sorprende ver que en Google Play está á venda con impunidade un plaxio do mesmo baixo o nome de R-Jump (doodle game sonic) que pode probarse vía web.

PUBLICIDADE