Sonic Mania e Borderlands: The Handsome Collection estarán no PS Plus de xuño

mércores, 29 de maio do 2019 Marcus Fernández

O vindeiro 4 de xuño renovaranse os xogos dispoñibles para os subscritores de PlayStation Plus, que desta volta gozan dunha selección de auténtico luxo, que parte do aclamado Sonic Mania, unha homenaxe aos xogos en 2D do ourizo azul de SEGA que permite xogar ás zonas emblemáticas de Sonic The Hedgehog, Sonic The Hedgehog 2, Sonic CD e Sonic The Hedgehog 3 and Knuckles, pero con gráficos retro en alta definición e unha física pixel-perfect a 60 cadros por segundo, podendo manexar a Sonic, a Tails e a Knuckles, tirando proveito de cadansúas habilidades para derrotar ao exército de malvados robots do doutor Robotnik.
Temos así que este xogo que podemos considerar a mestura de varios clásicos estará acompañado por unha recompilación real, Borderlands: The Handsome Collection (tamén coñecido como Borderlands: Una Colección Muy Guapa) que combina os títulos Borderlands 2 e Borderlands: The Pre-Sequel, o que é un bo xeito de pórse ao día coa saga antes do lanzamento de Borderlands 3.
En España tamén temos dispoñible adicionalmente o xogo Anyone’s Diary, un título que combina aventura e quebracabezas que chega grazas ao programa PS Talents, e que é compatible con PlayStation VR.

PUBLICIDADE