Sonic Mania rende homenaxe aos primeiros xogos de Sonic

xoves, 17 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Dende esta semana os seareiros das aventuras do ourizo cacho azul de SEGA teñen un novo xogo con aire clásico que está considerado como toda unha homenaxe ao personaxe, Sonic Mania, que non só está dispoñible por 19,99 euros en versións para Xbox One e PlayStation 4, senón que tamén está dispoñible para Nintendo Switch, polo que todas as consolas domésticas actuais terían acceso a este lanzamento que permite revivir os clásicos de Sonic e entrar en novas zonas inéditas e outras segredos. No caso dos usuarios de PC o xogo non estará dispoñible até o 29 de agosto, e como promoción de lanzamento terá un desconto do 10%.
Sonic Mania permite xogar ás zonas emblemáticas de Sonic The Hedgehog, Sonic The Hedgehog 2, Sonic CD e Sonic The Hedgehog 3 and Knuckles, pero con gráficos retro en alta definición e unha física pixel-perfect a 60 cadros por segundo. Non só poderase manexar a Sonic, senón que Tails e Knuckles tamén estarán presentes, de xeito que poderanse empregar as súas diferentes habilidades para derrotar ao exército de malvados robots do Doctor Robotnik (chamado Dr. Eggman noutros mercados).
O xogo tamén conta coa posibilidade de cooperar con outros xogadores para superar cada zona ou enfrontarse para ver quen chega antes á liña de meta.
Estamos sen dúbida ante o que pode considerarse como un imprescindible para os seareiros das aventuras de Sonic que queiran rememoralas en máquinas modernas.

Sonic Mania permite revivir os escenarios clásicos dos primeiros xogos de Sonic
Dende a propia conta oficial de Sonic en Twitter destacan que Sonic Mania é o novo xogo de Sonic mellor valorado dos últimos 15 anos.

PUBLICIDADE