Sonim presenta o primeiro móbil reforzado con conectividade NFC

luns, 26 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Sonim Technologies, fabricante especializado en móbiles reforzados, anuncia o seu novo terminal XP1301 CORE NFC, que é o primeiro móbil ultra-reforzado en incorporar conectividade NFC pensando en sectores como o da limpeza, a seguridade, o mantemento de equipamentos e as visitas médicas a domicilio, xa que o terminal podería empregarse para acceder de xeito seguro a unha porta achegando o móbil a 4 centímetros do seu pecho, dar conta da visita dunha enfermeira no fogar dun paciente con Alzheimer ou simplemente como identificador de traballadores, para rexistrar as súas actividades (como comprobar se un garda de seguridade fai regularmente as súas quendas) ou os seus horarios.
O Sonim XP1301 CORE NFC cumpre co estándar IP-68 (pode somerxerse ata 60 minutos a 2 metros de profundidade), soporta caídas sobre cemento ata a 2 metros de altura, a súa pantalla de 2 polgadas cunha resolución de 320 x 240 píxeles resiste golpes e rabuñaduras, conta con cancelación de ruído e altofalante de alto nivel de volume, un teclado de grande separación para facilitar o seu uso con luvas, unha batería que garante unha autonomía de ata 24 horas de conversa e 800 horas en espera e mesmo goza de funcionalidades de reprodución multimedia (soporta ficheiros MP3, AAC, WAV, 3GP e MPEG-4 e tamén conta con radio FM). Mide 126 x 60 x 25 milímetros e pesa 190 gramos.

A tecnoloxía NFC do Sonim XP1301 CORE NFC pode empregarse como solución para a identificación e o control de traballadores (como gardas de seguridade)

PUBLICIDADE