Sony anuncia o futuro de PlayStation

xoves, 21 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Sony celebrou a pasada noite en New York un grande evento para presentar ao mundo o futuro de PlayStation, o que nas pasadas semanas desatara toda unha serie de rumores que pouco a pouco foron confirmándose, pero ata que Andrew House subiu ao escenario non se confirmou oficialmente a PlayStation 4, nova consola da compañía nipoa que supón o achegamento do hardware de Sony ao mundo do PC como unha concesión aos desenvolvedores (que poderán así tirar un maior proveito das súas prestacións) adoptando unha arquitectura x86, un procesador de 8 núcleos, unha gráfica mellorada, 8 Gb de RAM, un grande disco duro e un mando DualShock 4 (que resultou ser o filtrado nos últimos días) que tamén contará cunha cámara que intentará levar un paso adiante a tecnoloxía anteriormente desenvolvida con PS Move (detectando a profundidade). O novo mando inclúe unha pequena pantalla táctil, conta con vibración e tamén conta con saída de audio para funcións sociais.

O mando DualShock 4 correspóndese coas imaxes filtradas nos últimos días

Algunha das novidades que terá a PS4 será a posibilidade de poder hibernar a consola (de xeito que podemos conxelar a nosa partida para continuala cando queiramos, sen precisar do seu gardado), incorporará moitas máis funcións sociais (intentando así recuperar o terreo que na anterior xeración comeulle Microsoft con Xbox LIVE) e integrarase con múltiples dispositivos (non só a PS Vita, senón tamén smartphones e tablets) permitindo incluso o uso de segundas pantallas con Remote Play (moi na liña da Wii U).
Confírmase que os xogos de PS3 non correrán directamente na PS4, senón que haberá que recorrer á nube para poder gozar dos vellos xogos (sen indicar se haberá que volver a pagar por eles) incluíndo tamén os de PS2 e a primeira PlayStation. Entre as prestacións na nube tamén pódese destacar a posibilidade de poder facer streaming de vídeo das nosas partidas para compartilas cos nosos amigos.

Dende Blizzard confirmaron que Diablo III estará dispoñible para PS3 e PS4

Durante o evento tamén se deixaron ver algúns xogos que chegarán á futura consola, como KillZone: Shadow Fall, o xogo de carreiras de automóbiles DriveClub, unha nova entrega da saga inFamous (inFamous Second Son), o previamente amosado Watch Dogs (confirmándose que non é un xogo para a actual xeración), o reputado Diablo III (que confirma así que saltará do PC a consolas) e outras demos técnicas, que resultan moi prometedoras, aínda que cómpre destacar que non é a primeira vez na que Sony amosa un nivel técnico abraiante no escenario que logo non se corresponde co que achega a súa consola finalmente.
Aparte de adiantar as aspiracións da PS4, e o apoio que terá Sony de numerosos estudos de desenvolvemento, durante o evento non chegaron a amosar a nova consola, limitándose a pechar o encontro fixando a súa data de lanzamento no vindeiro Nadal (o que enténdese que sería a estrea norteamericana, pois os rumores apuntan a que en Europa non chegaría ata primeiros de 2014).

O mando da PS4 interacturará cunha cámara que detectará a profundidade
A PS4 fará uso de motores gráficos e de físicas de grande sona

PUBLICIDADE