Sony anuncia unha cámara compacta cun grande sensor

mércores, 6 de xuño do 2012 Marcus Fernández

A mediados de xullo Sony vai comezar a vender en Europa a nova cámara dixital Cyber-shot RX100 que, pese a ser extraordinariamente compacta (mide 101,6 x 58,1 x 35,9 milímetros e o seu corpo pesa 213 gramos) é capaz de captar imaxes a 20,2 Mpíxeles efectivos grazas a un sensor Exmor CMOS de 1 polgada que cuadriplica ao da meirande parte das cámaras deste formato. Aparte dun sensor de grande tamaño, a cámara tamén conta cunha lente Carl Zeiss Vario-Sonnar T cun zoom óptico de 3,6x deseñada para permitir unha boa entrada de luz que contribúe a que o seu excelente sensor capte nitidamente as imaxes.
A Sony Cyber-shoot RX100 pode levar a súa sensibilidade ata un ISO 25.600 (empregando tecnoloxía de redución de ruído), pode disparar ata 10 imaxes por segundo á súa máxima resolución e grava vídeo a 1.080p. Tamén conta con opcións de enfoque automático e manual e numerosos efectos para as imaxes, que completan unha excelente cámara para levar enriba casando con bastante fortuna calidade e portabilidade.

Pese a ser moi compacta, a Cyber-shot RX100 pode tomar fotografía de calidade grazas a un grande sensor e unha lente luminosa

PUBLICIDADE