Sony está a traballar na aplicación do papel electrónico en accesorios de moda

venres, 28 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos días comentouse que Sony estaba a desenvolver un reloxo de pulso cunha esfera e unha correa de papel electrónico dentro dunha nova liña de desenvolvemento no que queren aplicar esta tecnoloxía a produtos de vestir, de xeito que o usuario podería mudar os seus patróns gráficos ao gusto, dándolles un toque moi especial, pero finalmente desvelouse que estes produtos non eran ningún segredo, senón que estaban agochados a plena vista.
Resulta que o reloxo desenvolvido por Sony era un produto polo que respondía Fashion Entertainment (FES) nunha campaña de micromecenado que conseguiu xuntar 2.780.136 iens (18.825 euros) para facer o produto realidade, pero sen citar a Sony, de xeito que o FES Watch pode pasar a proba do público, conseguindo coñecer así se existe un público que pode demandar os novos conceptos de produto nos que están a traballar.
Estamos ante un achegamento de Sony ao mundo da moda, no que recorreron a apoio externo para explorar a posibilidade de empregar papel electrónico a xeito de tea para innovar. O primeiro desenvolvemento sería este reloxo que a partires do mes de maio de 2015 recibirán os seus mecenas, e aínda que non se sabe cando se converterá nun produto comercial, queda clara a valía do micromecenado non só para achegar financiamento, senón tamén para comprobar a resposta do mercado antes de dar luz verde á produción en masa dun produto.


Vídeo no que podemos ver os conceptos nos que traballa Fashion Entertainment para Sony

PUBLICIDADE