Sony introduce a resistencia á auga nos seus smartphones de gama media

martes, 19 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Sony anunciou hoxe o seu primeiro smartphone de gama media resistente á auga, o Xperia M2 Aqua, un teléfono de coidado deseño, cámara de 8 Mpíxeles e un prezo asumible que ofrece a máis elevada resistencia á auga (IP65/68) nun smartphone (permitíndolle sobrevivir até 30 minutos somerxido a 1,5 metros de profundidade), o que é unha interesante achega ao catálogo da compañía nipoa e que veremos nas tendas o vindeiro outono.
O Sony Xperia M2 Aqua é un terminal con Android 4.4 que conta cunha modesta pantalla IPS de 4,8 polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles), funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon de catro núcleos a 1,2 GHz, gráfica Adreno 305, 1 Gb de RAM e 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 32 Gb), que pode resultar dabondo para un usuario pouco esixente. Conta con cámara traseira de 8 Mpíxeles con gravación de vídeo Full HD e HDR, cámara frontal de 1,1 Mpíxeles, NFC, Bluetooth 4.0, LTE e batería de 2.330 mAh (que achegaría até 12 horas e 11 minutos de conversa e 641 horas en espera). O seu grosor será de só 8,6 milímetros e o seu peso de 149 gramos, e venderase en cor branca e negra.


Vídeo promocional do Xperia M2 Aqua

PUBLICIDADE