Sony lanzará gravadores de discos Blu-ray de ata 100 Gb con disco duro e compatibilidade 3D

xoves, 26 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Para os consumidores máis esixentes que sempre queren estar á última Sony anunciou que vai comercializar a partir do 22 de outubro no Xapón unha serie de reprodutores de Blu-ray (incluíndo o formato DBXL de 100 Gbytes) compatibles coa tecnoloxía 3D e que integran gravador de vídeo, disco duro, 2 sintonizadores de televisión dixital, lector de tarxetas de memoria e soporte de DLNA (para o acceso a contidos multimedia en rede), de xeito que cobren boa parte da demanda doméstica audiovisual nun único trebello.
Os dispositivos tope de gama serían os BDZ-AX1000 e BDZ-AX2000 que veñen con capacidades de disco de 1 e 2 Tb e custarán 270.000 e 200.000 iens respectivamente (2.516,40 e 1.864 euros), contando tamén con 2 portos HDMI fronte a 1 porto que teñen os dispositivos BDZ-AT900, BDZ-AT700, BDZ-AT500 e BDZ-AT300, con capacidades de disco de entre 320 Gb e 1 Tb e con prezos comprendidos entre os 90.000 e os 150.000 iens (838,80 e 1.398 euros respectivamente).
Aparte de poder gravar en discos Blu-ray de ata 100 Gb e en disco duro, estas novas unidades prometen un tempo de inicio de medio segundo, o que é de agradecer, aínda que todas as súas prestacións dificilmente compensarán os desorbitados prezos que terán no seu lanzamento. A súa chegada a Europa aínda non ten data.

PUBLICIDADE