Sony presenta dous novos móbiles con Android 4.1 e cámara con sensor Exmor RS

luns, 18 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Sony incorpora ao seu catálogo de smartphones europeos un par de terminais bastante interesantes que estarán dispoñibles esta mesma primavera e que, sen chegar a facer sombra ao Xperia Z, son unha boa opción para moitos usuarios, que atoparán móbiles cun deseño moi elegante e boas prestacións, sen situarse nunha gama tan alta como o móbil insignia de Sony, e optando por pantallas de menor tamaño.
O Sony Xperia SP é un dispositivo cunha estrutura de aluminio bastante atractiva, que loce unha pantalla de 4,6 polgadas de alta definición (720p) e tecnoloxía Mobile BRAVIA Engine 2 e que presume da conectividade One-touch de Sony (uso do NFC que permite a transmisión de ficheiros e que incluso permite a duplicación da súa pantalla nun televisor BRAVIA compatible con tal tecnoloxía con só tocar co móbil o seu mando a distancia).

O Sony Xperia SP preséntase cunha elegante estrutura de aluminio

Este smartphone de 155 gramos de peso e 9,98 milímetros de grosor funciona cun procesador Snapdragon S4 MSM8960Pro de dobre núcleo a 1,7 GHz, 1Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb), cámaras de 8 e 0,3 Mpíxeles e sistema operativo Android 4.1, que venderase en branco, negro ou vermello e que, pese a non estar á altura dos últimos móbiles de alta gama presentados durante o Mobile World Congress, de seguro que chegará a un prezo moito máis asumible, á vez que ofrece unhas prestacións máis que suficiente para a meirande parte dos usuarios.
Na mesma liña chegará tamén o Sony Xperia L, que opta por unha pantalla de 4,3 polgadas cunha resolución de 854 x 480 píxeles, de aí que reduza o seu peso ata os 137 gramos, deixando o seu grosor en 9,7 milímetros. Funciona cun procesador Qualcomm MSM8230 de dobre núcleo a 1 GHz, 1 Gb de RAM e 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb); tamén ofrece conectividade One-touch e sistema operativo Android 4.1.
Cómpre destacar que ambos móbiles queren destacar polas súas cámaras de 8 Mpíxeles, que integran un sensor Exmor RS (cun sensor de luz BSI de nova xeración) que captura imaxes de pouco ruído incluso con pouca luz, que é unha das prestacións na que máis están a avanzar os móbiles nos últimos meses. Tamén permite tomar unhas boas instantáneas a contraluz grazas á función HDR.

A cámara dos novos smartphones é un dos seus puntos fortes


Vídeo de presentación do Sony Xperia SP


Vídeo promocional do novo Sony Xperia L

PUBLICIDADE