Sony presenta o seu novo SmartWatch

martes, 25 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Tras o lanzamento de varios reloxos de pulso intelixentes, Sony anuncia hoxe o que será a evolución dos mesmos, o SmartWatch 2, que presume de ser o primeiro dispositivos deste tipo para Android en incorporar NFC e Ont-touch (ou sexa, que pode enlazarse cun dispositivo con só tocarse), converténdose nun excelente complemento para smartphones con Android 4.0 ou superior, cos que comunícase a través de Bluetooth, amosando na súa pequena pantalla información achegada do móbil e permitindo a instalación de diversas aplicacións dispoñibles en Google Play que potencian as súas funcionalidades (permitindo ler as mensaxes de texto recibidas, o correo electrónico, as nosas interaccións coas redes sociais, a información meteorolóxica...).
Este novo smartwatch tamén destaca por ser resistente á auga, o que permite que poida empregarse durante a práctica deportiva ou baixo a chuvia (aínda que non sexa somerxible). O reloxo mide 42 x 41 x 9 milímetros, inclúe unha correa de metal, pantalla de 1,6 polgadas cunha resolución de 220 x 176 píxeles e unha autonomía de 3-4 días co reloxo sempre acendido (ou 7 días con pouco uso).
O SmartWatch 2 de Sony pode empregarse para consultar a hora, a nosa axenda, as notificacións de Twitter ou Facebook, xestionar as chamadas do móbil, disparar a cámara do móbil de xeito remoto, facer de mando a distancia de presentacións, utilizar aplicacións de mapas, servir de reloxo deportivo, controlar as funcións de reprodución multimedia... aínda que teremos que agardar a setembro para velo nas tendas e que comece e explotarse todo o seu potencial.


Vídeo de presentación do Sony SmartWatch 2

PUBLICIDADE