Sony presenta uns pequenos auriculares que deixan entrar o ruído exterior

martes, 15 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Tras converterse no referente no mercado de auriculares con tecnoloxía de cancelación de ruído, Sony sorprende presentando os auriculares Sony LinkBuds (ou Sony WF-L900), que perseguen xusto o contrario, xa que o seu deseño aberto facilita a entrada do son ambiental para poder percibir en todo momento o que acontece ao noso redor á vez que conta cunha grande calidade de son e un bo funcionamento para chamadas.
Estamos ante uns auriculares pequenos e lixeiros (uns 4 gramos), cun curioso deseño de anel aberto, que permite escoitar o que acontece ao redor de xeito natural á vez que tamén facilita escoitar chamadas, música ou contidos en liña, sen que apenas se note nada na orella, resultando confortables para un uso prolongado (e facilitando un uso seguro cando se está en espazos públicos). Tamén contan con resistencia á auga IPX4 para poder empregalos en exteriores e na práctica deportiva.
O seu tamaño reducido non é un impedimento para un manexo táctil, que sorprende por permitir o control da música dando dous ou tres toques diante da orella, non sendo preciso tocar os propios LinkBuds, auriculares que tamén contan cun sistema de control de volume adaptativo, que optimiza o volume en función do lugar no que esteamos (ou sexa, que sube o volume automaticamente en contornos ruidosos).
Aínda que os auriculares deixan pasar o son exterior, tamén inclúen a función Speak-to-Chat, que pausa a música cando falemos con alguén, evitando que teñamos que quitar os auriculares. Tamén son compatibles co asistente de Google e con Alexa, sistemas que poderemos invocar verbalmente para dar instrucións ao noso smartphone, e que tamén poden informarnos de notificacións e mesmo permiten interactuar co correo electrónico.
Os Sony LinkBuds contan con tecnoloxía de emparellado rápido e de localización dos auriculares (facéndoos soar cando non os atopemos), poden emparellarse de xeito sinxelo con ordenadores con Windows 10/11 e tamén poden configurarse para iniciar a reprodución musical cun par de toques.
Estes auriculares Bluetooth teñen unha autonomía de até 5,5 horas que poden ampliarse outras 12 horas grazas ao seu estoxo de carga e véndense a un prezo oficial de 180 euros.

PUBLICIDADE