Sony toma medidas contra venda ilegal dos xogos da Colección PS Plus

venres, 27 de novembro do 2020 Marcus Fernández

O servizo de subscrición de pagamento PlayStation Plus, necesario para poder xogar en liña cunha consola PlayStation, inclúe cada mes xogos para a colección do xogador, o que permite gozar de moitos títulos que se deixaron pasar nos últimos anos e tamén descubrir algún novo lanzamento que pode chegar a converterse nun fenómeno (como aconteceu con Rocket League e con Fall Guys), pero coa chegada da PlayStation 5 foron un paso máis adiante e inclúen a Colección PlayStation, unha selección de 20 xogos de PlayStation 4 que poden considerarse auténticos imprescindibles, de xeito que ao estrear a PS5 hai bastantes xogos aos que botar a man.
Aínda que os xogos da Colección PlayStation Plus non sexan de nova xeración, son todos grandes títulos, e aínda que o normal é que boa parte dos xogadores xa teñan os máis importantes, sempre hai algunha xoia que queda por descubrir, de aí que sexa tan atractiva esta colección. Tamén está o detalle de que estes xogos chegan en formato descargable, polo que resultan moi de agradecer para os que adquirisen a PlayStation 5 na súa versión sen lector de discos Blu-ray, xa que así permite seguir gozando de xogos de PS4 que, aínda que se mercasen no seu día, agora non poden correr nunha PS5 sen lector.
O curioso foi que este agasallo de Sony aos primeiros xogadores que deron o salto á nova xeración foi considerado por algún como un xeito de facer negocio, e na Rede apareceron numerosas ofertas de usuarios que a cambio dunha pequena cantidade de cartos ofrecían a súa consola PlayStation 5 para que outros subscritores de PlayStation Plus empregasen a súa conta de usuario e así activasen a opción para acceder á Colección PlayStation Plus dende a súa PlayStation 4, ou sexa, que por uns poucos euros estaban a revender ilegalmente 20 xogos, abuso ante o que Sony tivo a ben reaccionar rapidamente, principalmente en Hong Kong (onde predominou esta picaresca) realizaron bloqueos temporais (dun par de meses) de contas que fixeron esta trampa e incluso bloquearon algunhas consolas PlayStation 5 no que algúns xa alcuman como o masacre do Día de Acción de Grazas.
Ante estes acontecementos cómpre recomendar aos usuarios de PlayStation 5 que sexan prudentes e que non tenten agasallar aos seus amigos a Colección PlayStation Plus permitíndolles identificarse na súa consola, xa que pode ser prexudicial para ambas partes pola posible reacción de Sony, que está a tomar medidas contra o que claramente é unha fraude.

PUBLICIDADE