Stadia ábrese a redes móbiles

mércores, 29 de xullo do 2020 Marcus Fernández

A plataforma de xogo na nube de Google leva un tempo ten nós, ofrecendo unha experiencia de uso bastante boa mediante conexións á Internet a través de redes de cable ou de conexións Wi-Fi estables, pero cun atranco bastante molesto para moitos usuarios: a imposibilidade de gozar de Stadia a través de conexións móbiles (pese a que alternativas como o Project xCloud de Microsoft si permite facer tal dende o comezo).
Dado que moitos usuarios contan coa banda larga móbil de calidade (4G ou 5G), finalmente o servizo en liña activou a opción de poder funcionar con datos móbiles cando non haxa unha rede Wi-Fi dispoñible, aínda que dende Google advirten de que xogar a Stadia deste xeito pode consumir até 2,7 GB por hora, o que en calquera caso sería menos do que consume o servizo a través de Wi-Fi, xa que estiman que pode chegar aos 4,5 ou 12,6 GB/hora en función da resolución de pantalla (720p ou 1080p).
Aínda que o xogo na nube a través de datos móbiles non sexa o máis recomendable (en boa medida, pola saúde das redes móbiles) o feito de que non se lle poñan atrancos é abrir a porta a unha modalidade de xogo que cada día será máis popular, e que debemos aceptar especialmente coa 5G, que ofrecerá latencias reducidas, o que suporá experiencias de xogo comparables á de conexións fixas.

PUBLICIDADE