Stadia botará a andar cun catálogo de 22 xogos

luns, 18 de novembro do 2019 Marcus Fernández

A semana pasada Google anunciou os 12 xogos de lanzamento do servizo Stadia, aos que engadiríanse 14 máis antes de rematar o ano, pero pouco despois Microsoft deixou quedar extraordinariamente mal este catálogo de lanzamento ao anunciar a incorporación de 50 xogos máis ao Project xCloud, e como reacción temos que agora, un día antes da estrea de Stadia, suben a aposta e colocan como xogos de lanzamento un total do 22, dos que dous (Destiny 2: The Collection e Samurai Shodown) estarían incluídos na subscrición de Stadia Pro.
Os outros 20 xogos que estarán dispoñibles de saída para Stadia son Assassin’’s Creed Odyssey, Attack on Titan: Final Battle 2, Farming Simulator 2019, Final Fantasy XV, Football Manager 2020, Grid 2019, Gylt, Just Dance 2020, Kine, Metro Exodus, Mortal Kombat 11, NBA 2K20, Rage 2, Rise of the Tomb Raider, Red Dead Redemption 2, Shadow of the Tomb Raider: Definitive Edition, Thumper, Tomb Raider: Definitive Edition, Trials Rising e Wolfenstein: Youngblood, aos que nas seguintes 6 semanas engadiríaselle Borderlands 3, Tom Clancy’s Recon Breakpoint, Dragon Ball: Xenovers 2 e Darksiders: Genesis, ou sexa, que só reaxustaron o calendario de lanzamentos de 2020, quedando non só como un catálogo moi pobre, senón tamén cuns prezos moi pouco realistas, xa que os xogos terán prezos de lanzamento, cando na meirande parte dos casos están moi rebaixados (e máis que estarán antes do Nadal, xa que haberá varias campañas de rebaixas nas vindeiras semanas) no resto de plataformas. Por exemplo Assassin’s Creed Odyssey e Shadow of the Tomb Raider custarán 59,99 dólares (que en formato físico podemos atopalos a 26,99 euros para Xbox One) ou Red Dead Redemption 2 con versións de entre 59,99 e 99,99 dólares (cando en PS4 podemos atopalo por dende 34,50 euros). Se a iso sumámoslle que a metade das grandes características de Stadia non estarán dispoñibles nos primeiros meses (ou sexa, que o servizo, pese a ser de pagamento, está realmente en fase de probas), temos unha plataforma que será difícil de ponderar até ben avanzado 2020, cando remate o seu desenvolvemento e teña un catálogo máis rico.

PUBLICIDADE