Stadia comeza a ofrecer demos de xogos

mércores, 21 de outubro do 2020 Marcus Fernández

A plataforma de xogo en streaming de Google avanza a ritmo paseniño, e unha das súas últimas novidades resulta especialmente vendida, pois trátase da versión de demostración de balde do xogo PAC-MAN Mega Tunnel Battle, un battle royale baseado no célebre Comecocos que sairá á venda o 17 de novembro a un prezo de 19,99 euros e ao que pode xogarse anticipadamente, o que supón a estrea das demos en Stadia.
PAC-MAN Mega Tunnel Battle permitirá partidas para até 64 xogadores simultáneos, nas que temos tamén 64 labirintos interconectados para que os xogadores poidan non só evitar a pantasmas e comer puntos, senón tamén roubar os puntos doutros xogadores e incluso padecer as decisións de espectadores das partidas, que poderán interactuar votando polos potenciadores que afectarán ao xogo.
Co anuncio desta demo dende Stadia tamén lembran que en novembro recibirán outros xogos, como Star Wars Jedi: Fallen Order, dispoñible a partir do 24 de novembro, e incluso o agardadísimo Cyberpunk 2077, que chegará o 19 de novembro a un prezo de 59,99 euros, converténdose no grande xogo que servirá para medir o éxito de Stadia, xa que estamos ante o típico xogo que precisa dun hardware esixente para correr en ordenadores persoais, e que grazas ao streaming podería xogarse dende equipos pouco potentes.

Tráiler de PAC-MAN Mega Tunnel Battle

PUBLICIDADE