Star Wars Jedi: Fallen Order destaca entre os xogos de PS Plus de xaneiro

mércores, 28 de decembro do 2022 Marcus Fernández

Sony vén de anunciar oficialmente os xogos que formarán parte de PlayStation Plus no mes de xaneiro, e o seu título principal parece bastante oportuno, xa que non é outro que Star Wars Jedi: Fallen Order, que recibirá a súa secuela no mes de marzo, polo que a súa incorporación ao Plus facilitará que moitos xogadores que non gozaran da primeira entrega poidan agora darlle unha oportunidade e así poder enfrontarse a Star Wars Jedi: Survivor coa historia orixinal máis fresca. Star Wars Jedi: Fallen Order recibirase nas versións de PlayStation 4 e PlayStation 5.
Outro dos xogos que chegarán en xaneiro será Fallout 76 na súa versión de PlayStation 4, título de Bethesda Game Studios que convídanos a explorar un terreo devastado pola guerra nuclear nunha precuela multixogador de mundo aberto ambientado na historia de Fallout, ou sexa, que os sobreviventes humanos que aparecen no xogo son xogadores reais, facendo así posible traballar en equipo para sobrevivir, así como dedicarse á exploración dun mundo moi extenso e dinámico.
Completa os xogos mensuais de PlayStation Plus Axiom Verge 2 para PlayStation 4 e PlayStation 5, que permite explorar un mundo alternativo parecido á Terra, cheo de ruínas dunha antiga civilización tecnoloxicamente avanzada, pirateando máquinas, loitando contra monstros e controlando un dron para acceder á Fenda, unha realidade paralela chea de perigos. Un xogo de plataformas e exploración cunha estética bastante peculiar.

PUBLICIDADE