Star Wars Jedi: Survivor precisa de descargas na súa versión en disco

luns, 24 de abril do 2023 Marcus Fernández

Esta semana sae á venda o xogo Star Wars Jedi: Survivor, con versións para PC, PlayStation 5 e Xbox Series X|S, pero en Nova Zelandia xa tiveron acceso a copias físicas deste título, destacando que na súa portada pode lerse a advertencia de Download Required, ou sexa, que os discos incluídos na caixa non traen o xogo completo, senón que é precisa certa descarga adicional para poder gozar desta nova entrega das aventuras de Cal Kestis.
Ao parecer, a versión para PlayStation 5 ocupa un total de 147,577 GB, polo que non sería de sorprender que este título chegase ás tendas nun único disco de 100 GB e o resto do xogo haxa que descargalo (aínda que sería a primeira vez na que o disco apenas conta con contido, e basicamente inclúe datos para validar a súa compra, descargándose case a súa totalidade da Rede).
A versión para PC do xogo tamén indica que é preciso ter 155 GB de espazo dispoñible en disco para poder gozar de Star Wars Jedi: Survivor, o que está a converterse nunha tendencia nas grandes producións, deixando cada vez en peor lugar aos soportes físicos que deixaron de evolucionar hai anos, polo que cada vez será máis complicado poder conservar xogos en disco óptico, e semella que será inevitable o paso aos códigos de descarga e fórmulas semellantes, para desgraza dos coleccionistas e dos amantes da preservación dos xogos a longo prazo.

PUBLICIDADE