Star Wars chegará a Disney Infinity no verán

martes, 5 de maio do 2015 Marcus Fernández

Disney parece ter atopado a fórmula do éxito ao coller o modelo de Skylanderse convertelo no xogo Disney Infinity, que o ano pasado renovouse para acoller aos superheroes da Marvel e agora, seguindo na mesma liña, anuncia unha nova iteración, Disney Infinity 3.0: Play Without Limits, que chegará no verán en versión para PS3, PS4, Xbox 360, Xbox One, Wii U, PC, iOS e Android incorporando aos personaxes de Star Wars, xusto no ano no que a franquía volve aos cines.
O novo xogo contará con tres Play Sets de Star Wars: Twilight for the Republic, baseado nos tres primeiros episodios da franquía cinematográfica de George Lucas; Rise Against the Empire, baseado na triloxía orixinal; e, xa no inverno, un novo conxunto de figuras baseado na película Star Wars: El Despertar de la Fuerza.


En Twilight of the Republic poderase encarnar a Anakin Skywalker, Ahsoka Tano (personaxe da serie de animación Las Guerras Clon), Obi-Wan Kenobi, Yoda e Darth Maul, facenso uso da Forza e de espadas de luz en épicas batallas; mentres que en Rise Against the Empire poderase participar en misións galácticas con Luke Skywalker, a princesa Leia, Han Solo, Chewbacca e Darth Vader.

Pero Disney Infinity 3.0 non vai limitarse á franquía de Star Wars, e tamén vai contar cun Play Set baseado en Inside Out, a nova película de Disney-Pixar, e outro do Universo Marvel, cos personaxes da última película dos Vingadores (como serían Iron Man na súa versión Hulkbuster e o propio Ultrón). Os responsables do xogo tamén confirman que as figuras de Sam Flynn e Quorra, do filme TRON, tamén estarán dispoñibles no lanzamento de Disney Infinity 3.0: Play Without Limits.


Trailer de presentación do xogo

PUBLICIDADE