Street Fighter IV renova a súa versión móbil

xoves, 22 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Aínda que o xogo Street Fighter IV xa se adaptou a móbiles hai bastantes anos, a súa oferta de loitadores era moi limitada, e por iso agora chegou a Google Play e á App Store Street Fighter IV Champion Edition, que por 5,49 euros ofrece a un total de 31 loitadores que competirán por ver quen é o mellor nunha interface adaptada a dispositivos móbiles, de xeito que podemos manexar aos nosos personaxes tanto mediante mandos en pantalla como empregando sistemas de control externos emparellados por Bluetooth.
O xogo goza de maior resolución que a versión anterior, está adaptado a dispositivos con pantalla ancha, permite conectar a conta de usuario que teñamos en YouTube para poder facer retransmisións en vivo, conta con modo arcade de un xogador ou multixogador e tamén permite loitar contra xogadores de todo o mundo tanto por Wi-Fi como mediante conexión móbil.
Cómpre salientar que a versión para iOS é de pagamento, mentres que en Android a descarga é de balde, pero hai que pagar para liberar todos os contidos.

PUBLICIDADE