Streets of Rage terá unha nova entrega tras 25 anos

venres, 17 de abril do 2020 Marcus Fernández

Nos tempos dos salóns recreativos o xénero dos beat’em up estaba moi de moda, sendo un dos seus máximos expoñentes a triloxía de Streets of Rage, que destacaba polas súas mecánicas de xogo e a súa música dance electrónica, conseguindo deixar pegada en moitos xogadores, que agradecerán que o vindeiro día 30 vaia estrearse en PC, Nintendo Switch, PlayStation 4 e Xbox One a súa secuela, Streets of Rage 4.
Este xogo mantén o estilo dos seus predecesores, pero lucindo agora gráficos debuxados a man, o que, xunto ao acompañamento musical, consegue que esta secuela colla dignamente o relevo en pantallas de alta definición. Había 25 anos que non tiñamos unha nova entrega deste xogo de desprazamento horizontal, polo que podemos ver este lanzamento principalmente como unha homenaxe a todo un xénero.
En Streets of Rage 4 podemos xuntar até a 4 loitadores en modo local, podendo tamén xogar en grupo a través da Internet (algo que nunca antes se fixera na saga), contando coas mecánicas clásicas lixeiramente adaptadas, cunha ducia de personaxes clásicos da saga (dun total de 17) que poden desbloquearse e mesmo xogarse nas súas versións pixeladas, e unha aventura que se reparte a través de 12 fases únicas.
Tamén será posible xogar ao Battle Mode en 8 arenas de combate diferentes nas que loitar en equipo ou de xeito competitivo.

Tráiler no que anuncian a data de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE