Sundar Pichai convértese no director xeral de Alphabet

martes, 3 de decembro do 2019 Marcus Fernández

En 2015 anunciouse unha reestruturación en Google de xeito que o buscador separábase dos seus negocios alternativos, colocando estas empresas separadas baixo o paraugas dunha compañía matriz chamada Alphabet, da que Larry Page era o director xeral e Sergey Brin o presidente. Nestes últimos anos os fundadores de Google, pese a manter eses cargos orgánicos, estiveron fóra do alcance dos focos, quedando como cabeza visible da compañía Sundar Pichai, o director xeral de Google, quen finalmente pasará a ser o máximo responsable de Alphabet, mantendo a súa posición en Google.
Temos así que Larry Page e Sergey Brin deixan os seus cargos de responsabilidade en Alphabet, limitando a súa participación na empresa a membros do cadro directivo, accionistas e co-fundadores, o que quixeron deixar claro nunha carta aberta na que aseguran que xa non é precisa a figura instrumental que crearon ao dividir as marcas de Alphabet e Google, de xeito que a nova estrutura xa está consolidada, e non é preciso ter responsables diferentes para que poida verse que Google é a empresa do buscador, Android e outras tecnoloxías do noso día a día, mentres que Alphabet serve para acoller tamén outros proxectos de futuro sen lastrar o seu negocio principal.

PUBLICIDADE