Super Mario Run chegará a Android en marzo

xoves, 19 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Rematamos 2016 coa aparición do xogo Super Mario Run en Google Play como xogo en rexistro previo para que os interesados en gozar deste esperado xogo na súa versión para Android reciban un aviso en canto estea dispoñible, e ante a falta de previsión de data de lanzamento oficial da plataforma na que sen dúbida o xogo sumará máis usuarios veñen de saír á palestra dende a conta oficial de Nintendo en Twitter para anunciar que Super Mario Run para Android estará dispoñible a partires do mes de marzo.
Queda por saberse a data final de lanzamento do xogo, pero o feito de sabermos que verá a luz en marzo xa dá certa tranquilidade aos entusiastas das aventuras do fontaneiro de Nintendo que non teñen dispositivos con iOS e querían gozar desta curiosa entrega na que a mecánica do xogo adaptouse para poder xogarse cun único dedo sobre a pantalla táctil. Confíase en que o xogo poida descargarse de balde, tendo que pagar 9,99 euros para desbloquear os seus contidos completos.

Vídeo no que modemos ver como será o xogo na súa versión para Android

PUBLICIDADE