Super Meat Boy terá versión para PS4 e PS Vita

luns, 8 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Un dos grandes xogos de plataformas independentes, que tanto éxito tivo en Xbox e PC, por fin chegará a plataformas PlayStation. Trátase do célebre Super Meat Boy, que desta volta quere compensar a súa ausencia no catálogo de PS3 e confirman que terá versión para PlayStation 4 e PlayStation Vita este mesmo ano e que estas mesmas estarán incluídas dentro de PlayStation Plus, de xeito que os subscritores do servizo poderán facerse con todo un clásico moderno sen custo adicional.
Super Meat Boy é un xogo de plataforma no que controlas a un pequeno anaco de carne que intenta salvar á súa moza, para o que ten que superar infinidade de niveis desafiantes evitando numerosas trampas portais e, de feito, este título consiste en repetir cada dun dos seus máis de 300 niveis repartidos en 5 capítulos (morrendo constantemente) até adquirir a habilidade suficiente como para completalos para pasar ao seguinte desafío. Un xogo cuns gráficos moi básicos, pero unha xogabilidade pura que o converte en todo un imprescindible.

Os niveis de Super Meat Boy inclúen numerosas trampas que haberá que evitar con grande habilidade


Vídeo de presentación da versión de Super Meat Boy para consolas de Sony

PUBLICIDADE