TarifasMobiles.info achéganos un interesante comparador de prezos de telefonía

martes, 27 de setembro do 2011 Raquel Noya

Malia que as tarifas de telefonía móbil en España están a baixar nos últimos meses debido, en gran medida, á aparición de operadores virtuais low cost (que obrigan ás grandes compañías a baixar as súas tarifas para non perder clientela), o certo é que aínda estamos á cabeza de Europa no tocante a prezos abusivos, e a relación calidade-prezo que nos ofrecen en España aínda deixa bastante que desexar.
Porén, se estamos dispostos a cambiar de compañía e pasar a unha das novas operadoras low cost que acaban de aparecer no mercado, podemos levar unha grata sorpresa ao final de mes, e comprobar que por moitos menos cartos non temos que tirar o móbil polo sumidoiro ou privarnos de chamar a quen precisemos á hora que precisemos.
Para isto, a web TarifasMobiles.info pon á nosa disposición un interesante comparador de tarifas móbiles de voz, que nos permite comprobar de primeira man e ao instante, cal é a compañía que mellor se adapta ás nosas necesidades segundo os parámetros que nos mesmos marcamos.
Para usar esta ferramenta tan só temos que indicar o número de chamadas que facemos ao día (ou ao mes, segundo a opción que escollamos); a duración media desas chamadas en minutos; a cantidade de sms que enviamos normalmente e o tipo de tarxeta que temos (prepago ou contrato). Posteriormente, na pestana da dereita, ofrécesenos a posibilidade de introducir datos estatísticos sobre os nosos destinos de chamadas e os horarios nos que soemos usar o móbil, os cales, fan variar considerablemente as tarifas dunha e doutra compañía.
Finalmente, unha vez cuberto o cuestionario, na fiestra inferior da aplicación aparecen as operadoras dispoñibles coas tarifas mensuais ordenadas de menos a máis, e pinchando na barra de información de cada unha delas, a ferramenta achega información máis detallada do servizo dispoñible.
Por exemplo: supoñamos que normalmente facemos unha media de 6 chamadas diarias a teléfonos móbiles de distintas compañías, que pasamos uns 4 minutos de media falando en cada unha delas, que mandamos uns 5 sms ao día e que temos tarxeta de contrato. Supoñamos tamén que as chamadas temos que facelas a calquera hora do día e que normalmente tamén nos xorden chamadas a fixos, tanto pola semana como durante a fin de semana; o comparador indícanos que neste caso a operadora que máis nos convén é MasMovil, seguida de Simyo e Pepephone, compañías todas elas de “baixo custe” que nos axudarán a chegar máis sobrados a final de mes.

PUBLICIDADE