Teclado reversible para darlle máis vida ó sistema

luns, 5 de marzo do 2007 Raquel Noya

Quen non tivo algunha vez unha zamarra reversible? Que tempos aqueles nos que mercar dúas chaquetas distintas nunha soa peza contribuía tanto a facérmonos máis doado o noso día a día! Por que pasarían de moda? É que os fabricantes non caeron na conta de que a demanda aínda non está cuberta? Co útil e cómodo que era revirar a peza de cando en vez para variar un algo no vestiario sen gastar de máis. Mais non todo está perdido e existe un pequeno raio de luz de para os saudosos (e para os preguiceiros, tamén) pois vén de saír ó mercado o Eleksen Double Sided USB Fabric Keyboard, un teclado que, como o seu propio nome indica, ten dúas faces e funciona a través do porto USB do ordenador.
Por unha banda ten letras e polo outro números e controis multimedia; e non é que solucione moitos problemas informáticos (máis ben ningún) pero ó mellor serve para amosarlles ós fabricantes de roupa que a sociedade bota en falta as prendas reversibles de antano.

PUBLICIDADE