Tekken 7 destaca no último Humble Bundle

martes, 2 de abril do 2019 Marcus Fernández

A iniciativa solidaria Humble Bundle recibe unha vez máis unha selección de xogos de Bandai Namco que poden adquirirse grazas a achegas de usuarios definindo o reparto económico entre os desenvolvedores e iniciativas altruístas como Save the Children, Extra Life ou Child’s Play, de xeito que é posible conseguir videoxogos para PC a prezos moi reducidos á vez que se contribúe a boas causas.
Desta volta, os usuarios que acheguen a partires de 1 dólar poderán incorporar á súa colección de xogos en Steam os títulos Enslaved: Odyssey to the West, Pac-Man Championship Edition DX e Impact Winer; mentres que os que paguen máis que a media (8,29 euros no momento de escribir estas liñas) recibirán tamén os xogos Little Nightmares, 11-11 Memories Retold, Get Even e Project CARS.
Pero os pratos fortes chegan cando superamos a barreira dos 15 dólares (o que permitiranos conseguir GOD Eater 2 Rage Burst e Sword Art Online: Fatal Bullet) e dos 25 dólares (desbloqueando o grande xogo de loita Tekken 7). Dado que Tekken 7 é un título valorado en 39,99 euros, o pagamento de 25 dólares (22,32 euros) para facerse con este xogo e todos os antes mencionados é unha oferta difícil de resistir, especialmente se temos en conta que dentro da selección de xogos hai títulos dunha calidade máis que aceptable, pero que non foron supervendas, de xeito que é moi probable que sexan un agradable descubrimento.

PUBLICIDADE