Tekken para móbiles xa está dispoñible globalmente

venres, 2 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Esta semana completouse o lanzamento global do xogo Tekken Mobile, que espallouse en tres fases a nivel internacional de xeito que agora xa está dispoñible para a súa descarga para iOS e para Android, respondendo en ambas versións á fórmula do free-to-play, de xeito que podemos descargalo de balde pero logo atoparemos numerosas compras dentro da aplicación se queremos gozar dunha experiencia completa. No caso de iOS precisa como mínimo dun iPhone 5s, mentres que para Android require 2 GB de RAM e como mínimo un procesador Exynos 8890 ou Snapdragon 820 (ou sexa, que estamos ante un xogo bastante esixente).
Tekken Mobile permite conseguir a máis de 20 personaxes con cadanseu estilo de loita, desbloquear máis de 20 movementos especiais exclusivos para cada loitador e competir en modos de xogo únicos, cun modo historia (no que temos que axudar a Kazuya Mishima a combater contra o seu contrincante máis duro até o momento), un desafío de dojo (con enfrontamentos en liña contra amigos e á comunidade de xogadores en liña) e tamén eventos en directo (con contidos novos cada día).

Vídeo promocional de Tekken Mobile

PUBLICIDADE